HISTORIA DO CLUB BALONCESTO CASELAS

O Club Baloncesto Caselas nace en 1990 cando un grupo de afeccionados do pobo de Salceda de Caselas decide federar un equipo Senior Masculino en competición Zonal. Este grupo de dez xogadores entre 17 e 21 anos, a excepción de Susi con 27, adestrados por un home da casa como Manuel Fandiño, xa se viña reunindo anos atrás para xogar ó baloncesto nas rúas, prazas ou calquera espacio onde houbera unha canasta.


Primeiro equipo de baloncesto federado en Salceda.
Primeiro equipo de baloncesto federado en Salceda. Era a tempada 90-91.

As primeiras tempadas na competición foron moi difíciles: equipo moi novo, falla de adestrador, poucas victorias e pista o aire libre que provocaba a suspensión de moitos partidos. Sen embargo a directiva, conformada na súa maior parte por xogadores, foise sobrepoñendo os problemas, e o primeiro equipo asentouse pouco a pouco da man de persoas como Luis Manuel Rodríguez, Jesús Vázquez “Susi”, Manuel Fandiño, Manuel González, Jesús Vaqueiro “Suso” o Jesús Alonso “Quique” (d.e.p.), gran colaborador do baloncesto salcedense.

No ano 1.993 inícianse os contactos con clubes portugueses, cos cales se teñen boas relacións dende entón, coa celebración do “I Trofeo Festas do Cristo de Salceda” cun partido onde os nosos venceron a Valença de Minho por 50-40. Ademáis a directiva segue coa promoción do baloncesto coa celebración do “I Torneo de Pascua de baloncesto afeccionado”, que se celebrou durante a década dos noventa.

No ano 1.995 coa inauguración do demandado Pavillón Municipal de Deportes de Salceda prodúcese un punto de inflexión na historia. Este feito anima ós dirixentes a traballar coa base co obxectivo de crear equipos e formar xogadores para o futuro.
Senior Masc. 94-95
Senior Masculino 94-95. Foi a última tempada que se xogou ao aire libre.

Senior Masc. 98-99
Senior Masculino 98-99.

Na tempada 1.999-00 nacen os dous primeiros equipos federados de base da historia: un Benxamín e un Alevín Mixto, adestrados por Manolo e Pedro Coto respectivamente. Isto é froito do traballo coa base dunha serie de xogadores senior coordinados por Manuel González “Manolo”, Estes equipos pertencerán as recén creadas “Escolas Deportivas Municipais de Salceda” coas que o clube colaborará activamente.
Esa mesma tempada o equipo Benxamín clasíficase para as semifinais de liga, alcanzando un 4º posto final.
Benxamín Mixto 99-00
Primeiros equipos federados de base do pobo.Corría a tempada 99-00.
Arriba: Benxamín Mixto. Abaixo: Alevín Mixto.

Alevín Mixto 99-00

Na tempada 2.000-01 nace o primeiro equipo feminino en Salceda: o Infantil. Ademáis se compite cun Infantil Masculino e un Alevín Mixto, ademáis do Senior Masculino que ven competindo ininterrumpidamente dende a fundación.

Na seguinte campaña (2.001-02) ese mesmo equipo Infantil Feminino, que dará varias alegrías no futuro, trae o primeiro Título de Liga para o clube o proclamarse campionas invictas na División B. Unha das súas compoñentes, Laura Cabaleiro, alevín de primeiro ano, é convocada pola Selección Galega Feminina de Minibasket para xogar o Campionato de España.
O Alevín Mixto acada o Subcampionato logo de perder no global da final por un só punto perante o Neno Xesús de Praga de Vigo. Paralelamente o noso primeiro equipo acada un excelente 8º posto nunha Liga Zonal durísima composta por 22 equipos.
Infantil Fem. 01-02
Infantil Feminino 01-02. Campión de Liga Zonal Div.B.

O clube continúa medrando en número de xogadores e equipos, convertíndose xa nun referente principal no deporte do concello. A Directiva, presidida agora por Manuel González, traballa modestamente para acadar os medios económicos e humanos que tan difícil resultan nun pobo pequeno como este de tradición futboleira. Pero a ilusión e empeño dunha serie de xente volcada co baloncesto vai cimentando o futuro non só coa formación de xogadores, se non tamén coa formación de adestradores, oficiais de mesa e árbitros, partes importantes neste deporte.

Na tempada 2.003-04 continúan os éxitos das rapazas coa consecución dos subcampionatos de Liga Zonal e Copa Vigo en Cadete Feminino. Este feito nos leva a xogar por primeira vez unha competición galega: a Copa Galicia onde as nosas quedan apeadas na primeira ronda co Peleteiro de Santiago, en dous partidos igualados onde a afición de Salceda deu unha auténtica lección de asistencia e saber estar: preto de 200 persoas no noso pavillón e un autobús cheo para ir a Santiago.
A xogadora Laura Cabaleiro é convocada por primeira vez para a Selección Española Infantil Feminina que se concentra en Madrid en Nadal de 2.003.
O Clube ficha como Coordinador Deportivo e adestrador a un home veterano como Jose Luis Pérez, que se encargará nesta campaña da dirección do equipo Senior Masculino e Cadete Feminino.

Na tempada 2005-06 chega o primeiro título para o Senior Masculino o quedaren campións invictos de Liga Zonal División B e ascenso a División A. A excelente campaña deste equipo adestrado por Jose Luis Pérez, se completa co subcampionato de Copa Vigo o perder na final xogada en Porriño co Seis do Nadal.
A xeración feminina de xogadoras nadas no 1988 que viña competindo dende hai anos, remata o seu ciclo competindo en Junior. Senior Masc. 05-06
Senior Masculino 05-06. Campeón de Liga Zonal Div.B.

A tempada 2009-10 foi exitosa por varios motivos. Trouxo dous subcampionatos para o clube da man das mulleres e cun entrenador recén chegado -Carlos Kustrin- tras a marcha, logo de estar varios anos ligado a nós, de Jose Luis Pérez. Por un lado o Infantil Feminino na División B tras unha dura pugna co Zeltia Caixanova. Por outro lado o Alevín Mixto, composto na maioría por rapazas, que perdeu na final co María Inmaculada (derrota que foi o único lunar dunha campaña onde gañaron todos os demáis partidos).
A xogadora do Alevín Mixto Andrea Vaqueiro é convocada coa Selección Galega Feminina de Minibasket para o Campionato de España de seleccións autonómicas en San Fernando (Cádiz). Alí proclámase campeona da categoría Preferente ao vencer na final a Baleares por 74-75.
O clube participa en varias categorías en distintos torneos por toda a xeografía galega. Un exemplo, o prestixioso Torneo de Minibásquet de Baiona, onde o Alevín Feminino se planta na fase final enfrontándose a equipos coma o Estudiantes de Lugo ou o Baloncesto León.

Arriba: Infantil Feminino 09-10. Subcampeón Liga Zonal División B.
Abaixo: Participación dos minis de Salceda no Día do Minibásquet El Correo Gallego, no pavillón Fontes do Sar de Santiago.

Novamente o Infantil Feminino é protagonista o quedar campeón da División B na tempada 2010-11. Esta nova xeración de xogadoras de primeiro ano xa foran subcampeonas alevín mixto a pasada campaña.
Os equipos do clube seguen competindo con dignidade e o baloncesto salcedense segue adiante co apoio do público e varias empresas e organismos locais.

Infantil Feminino 10-11. Campeón de Liga Zonal División B. Na imaxe, as xogadoras co trofeo con Manuel Domínguez (secretario C.B.Caselas), Alberto Zato (presidente D.V.B.) e Marcos Besada (alcalde de Salceda).

A tempada 2011-12 trouxo o maior éxito para o Senior Masculino, que se proclamou campión de liga da 4ªdivisión autonómica e, posteriormente, campión galego da mesma categoría, cunha soa derrota en toda a campaña. Tamén o Alevín Mixto quedou subcampión de liga DVB, nun ano bastante bó para os nosos equipos.

Senior Masculino 11-12. Campión de 4ªDivisión e campión galego da categoría. Foto realizada en Santiago.

Na tempada 2013-14 ponse de manifesto o crecemento do clube coa participación de 6 equipos federados, récord ata o momento. A cantidade é importante para unha entidade dun pobo de menos de 9.000 habitantes con numerosa oferta deportiva.
A directiva segue adiante celebrando o “I Torneo Villa de Salceda Infantil Feminino”, onde o Caselas queda subcampión.

Na actual tempada 2014-15 celebraremos o 25 aniversario (1.990-2.015), que conmemoraremos con algún acto.


Descubre máis desde Club Baloncesto Caselas

Subscríbete para recibir as últimas entradas no teu correo electrónico.

Categories: About

0 Comments

Deixa unha resposta. Dinos que che parece!!

Abrir chat
Ola 👋
En que podemos axudarche?