Fin de semana repleta de emocións para o noso clube coas finais da Liga dos Insectos 2024 e a brillante victoria do noso cadete masculino na gran final de copa.
FINAL FOUR CADETE MASCULINO
SEMIFINAL
C.B.CASELAS BALIDEA 58 – 42 APÓSTOL VIGO
Despois dun curso extraordinario deste grupo de rapaces, no que competiron ao máximo nivel demostrando o gran talento e espírito de equipo que atesoran, chegaba o derradeiro desafío da tempada: a final four de copa.
O sábado tocaba xogar a semifinal perante o Apóstol Vigo, e os de Julián sacaron adiante un encontro durísimo e moi igualado.
Os tres primeiros periodos non puideron mostrar máis igualdade, chegándose ao inicio do derradeiro cuarto cun marcador de 32 – 32. O equipo mostrábase moi serio en defensa pero os tiros non entraban (ao inicio de último periodo levavamos cero triplas).
O Caselas deixou o mellor para os 10 minutos finais, convertíndose nun auténtico vendaval ofensivo e acadando un parcial de 26 – 10 que certificaba a victoria final por 58 a 42 ante un duro rival que puxo as cousas moi difíciles aos nosos.
Tocaba descansar para o día seguinte e agardar rival para a gran final.
FINAL
C.B.CASELAS BALIDEA 50 – 45 NOBOVASKET B
Despois de 24 horas que se fixeron eternas, chegaba o gran día: o Novobasket sería o noso rival nesta gran final que se disputaba no Pavillón Universitario do CUVI.
Ambos equipos xa xogaran un apretado encontro uns meses atrás polo que os dous coñecían o gran potencial que tiñan, e o partido non defraudou ao numeroso público presente nas gradas.
Os rapaces do Caselas saíron tremendamente enchufados e grazas a un xogo colectivo e a aportación de todos marchamos ao descanso cunha vantaxe de 8 puntos.
Mais estaba claro que o choque continuaría igualado ata o final.
Os nosos continuaron a xogar ben na segunda parte, pero os vigueses reaccionaron e a falta dun minuto e medio para o remate do choque estaban 3 puntos arriba, poñendo contra as cordas ao Caselas.
Pero este equipo ten un corazón enorme e nunca deixa de loitar, aínda nunha situación de tanta tensión competitiva coma esta. Todos os rapaces seguiron crendo e animándose os uns aos outros e outra vez fixeron o máis difícil: despois de poñerse un punto arriba e facer unha gran defensa recuperando o balón, o capitán do equipo Brais Martínez tiña a súa disposición dous tiros libres a falta de 12 segundos que poderían darnos 3 puntos de vantaxe para afrontar os derradeiros instantes.
Brais colleu o balón, respirou e anotou os dous tiros totalmente limpos, mostrando unha gran madurez e sangue frío nun momento nada fácil. Tremendo.
O Caselas evitou a tripla do Novobasket e o partido rematou cunha nova canastra ao contraataque e coa bucina final chegou a festa!
En primeiro lugar, queremos felicitar ao Novobasket. Da gusto xogar unha final perante un equipo que mostrou un gran comportamento e calidade baloncestística. Noraboa polo voso traballo.
En segundo lugar, sinalar que este triunfo é moi especial para todo o C.B.Caselas, despois de chegar a nada máis e nada menos que a catro finais de copa neste mes de xuño. Senior feminino, senior masculino e infantil masculino o deron todo pero non puideron acadar este ansiado título. O cadete sí o conseguíu, representando o esforzo de esta pequena gran familia que formamos tod@s @s compoñentes do Caselas.
E en terceiro lugar, qué dicir desta xeración de xogadores que non tiñamos dito xa. Unha vez máis supéranse a sí mesmos e despois dunha tempada na que soamente perderon as finais polo ascenso a Liga Galega, por fín obteñen un gran e merecido premio en forma de título. Moitos anos de traballo, moitos deles dende categoría baby formándose como xogadores e persoas no C.B.Caselas. Sodes un grupo incríble a nivel deportivo, pero o máis importante é a calidade humana que demostrades día a día. ORGULLO DE CLUBE.
Agora, a celebralo como se merece!!!
LIGA DOS INSECTOS 2024
Unha tempada máis, celebramos unha nova edición de un dos eventos máis agardados por toda a familia do Caselas, A Liga dos Insectos: 5 xornadas de moito baloncesto e convivencia entre pequen@s e maiores, nas que como xa é tradición participaron tod@s @s xogador@s de todas as categorías do clube.
@s rapaz@s babys, preminis e minis o deron todo e desfrutaron e fixeron desfrutar do lindo ás familias nunha liga na que o importante de verdade é divertirse e pasalo ben.
Esta actividade que non para de medrar afianza a nosa idea de clube de que todas as categorías se relacionen entre sí para crear conciencia de pertenza ao C.B.Caselas.
Tamén serve para que @s rapaz@s do infantil e o cadete comecen a facer os seus pinitos como adestrador@s. Aquí hai canteira de técnicos!!!
Na cerimonia de clausura e a entrega de medallas recibimos a visita da alcaldesa Loli Castiñeira, o concelleiro de deportes Marcos Troncoso e o representante do Partido Popular de Salceda Santiago Rodríguez.
A fin de festa chegou da man da Banda dos Insectos, proxecto educativo musical do noso coordinador Adrián, que deron un concerto para xogador@s e familias no Espazo do Matadoiro da TrezeCatorze, un evento que a pesares da choiva recibíu unha moi boa afluencia de público!
FINAL DE TEMPADA
Este xoves rematan os adestramentos de minibasket e dispútanse as finais da Liga dos Dinosaurios (Infantil e Cadete) e a Liga dos Fósiles (Senior e Adestrador@s), poñendo punto e final a unha tempada inolvidable.
…E COMEZA A CONTA ATRÁS PARA O III CAMPUS DE VERÁN DO C.B.CASELAS !!!
25 ao 29 de XUÑO
QUÉ GANAS DE QUE CHEGUE !!!