Non sei moi ben porque, pero pasa que a vida vaise tecendo con círculos que se van cruzando e mesturando sen moito sentido ata que se pechan, e é entón cando lles vemos unha lóxica.

Este círculo comeza de cativo. Sempre xoguei o baloncesto, horas e horas na pista do Colexio Público de San Andrés de Cedeira. Acompañado ou só, pero sempre xogando naquela pista de piche, taboleiro branco e aro laranxa sen rede. Máis tarde xa en equipos federados recorrendo a provincia, ata que coa chegada do traballo o baloncesto quedou no olvido durante máis de 15 anos.

E por casualidades unha vez en Salceda, deulle ao meu fillo polo baloncesto, así foi coma coñecín a Manolo e por máis casualidades acabei na directiva do club e así foi coma coñecín a Luis (Presidente), Ana, Miro, Luis (Tesoureiro) e Manolo Sanfer. Nese intre completouse o círculo e comezou outro que me levou, xunto con eles, por 4 anos de aventuras, reunións, debates, bos e malos momentos e ideas que sempre levamos a cabo xuntos en con non pouco esforzo. Polo camiño despedimos a Manolo Sanfer do que sempre gardarei un enorme recordo.

E agora, remata outra volta. Deixades o traballo cumprido e moito tempo adicado o Club Baloncesto Caselas. Luis, impecable xestor e mellor persoa. A incansable Ana, sempre podes contar con ela. Miro, o noso barman, miles de cafés saíron das súas mans mentres o caselas corría pola pista. E o veterano Luis (Tesoureiro) traballando polo club dende 1995, secretario, presidente e tesoureiro por máis de 25 anos.

Deixades a directiva nas nosas mans e agardamos correspondervos coa nosa dedicación e esforzo. Deixades o vosa pegada e o voso nome la historia do club. E levades o respecto de nais, pais e xogadores. E por suposto, levades a miña amizade e gratitude por estes 4 anos.