Esta pasada fin de semana rematou a competición oficial para as nosas junior, e soamente podemos dicir unha cousa: GRAZAS!

SALESIANOS A 66 – 42 C.B.CASELAS

Non puido ser. O C.B.Caselas Junior Feminino non acadou o pase á final de copa, despois da derrota na pista de Salesianos o pasado sábado.

Chegabamos cun obxectico claro: dalo todo e competir ao máximo das nosas posibilidades, como fixemos durante toda a tempada. E as nosas non defraudaron.

A primeira metade foi trepidante dende o salto inicial e xogouse a un ritmo altísimo, cos dous equipos dispostos a gañar o partido.

O Caselas xogou a un nivel tremendo nos dous primeiros cuartos tanto en ataque como en defensa (coa cruz na porcentaxe de tiros libres); cada canastra tiña que ser moi traballada debido á gran defensa a toda pista de ambos equipos e chegamos ao descanso cun marcador de 21 – 20 a favor das locais.

Despois do paso polos vestiarios, o Caselas tentou seguir o ritmo e intensidade de Salesianos pero non o conseguíu. Un parcial en contra de 25 – 5 puxo o partido prácticamente imposible para as nosas. Unha vez máis, o equipo sacou o orgullo e compromiso que mostrou durante todo o curso e, lonxe de deixarse levar, reagrupouse e xogou un bo cuarto periodo, facendo xustiza ao traballo de todas as xogadoras nesta tempada.

Remata así unha tempada oficial que será difícil de esquecer para as xogadoras e o seu adestrador Adrián. O equipo realizou un curso tremendo, acadando o número de victorias máis alto na historia do clube en categoría junior feminino, con victorias de prestixio (perante o Celta – en dúas ocasións – , Cía de María, Salesianos A ou Colexio Mariano) pero sobre todo, o gran traballo realizado reflíctese en que competiron ao máximo en practicamente todos os partidos (Moitas derrotas foron por un punto, dous, tres…), chegando tamén con opcións de pasar á final de copa ata o derradeiro suspiro. E ademáis, mostrando un baloncesto precioso e colectivo.

Pero máis aló de resultados e estatísticas, queremos destacar o compromiso, paixón e esforzo de todas as xogadoras para crear un gran grupo humano, que non parou de medrar individual e colectivamente durante toda a tempada, servindo de gran exemplo para a nosa canteira, tanto persoal como deportivamente.

Sodes un orgullo para todo o clube e agardamos que este grupo teña continuidade no ansiado equipo senior feminino do C.B.Caselas.

GRAZAS!!!

SENIOR MASCULINO

C.B.RODABALLO 36 – 52 C.B.CASELAS

Parciais: 9 – 12 / 9 – 12 / 7 – 12 / 11 – 16

Anotadores: Xur 9; Pablo 8; Pedro 6; Alex 6; Iván 5; Eloy 5; Maki 5; Jorge 4; Rober 2; Héctor 2.

Gran partido o xogado polos de Martín o pasado domingo na Pista Vermella do Pavillón das Travesas vigués, levándose unha valiosa e autoritaria victoria a domicilio perante o C.B.Rodaballo.

O Caselas fixo un gran esforzo colectivo e xogou con paciencia e calidade perante a defena zonal prantexada polos locais, compartindo ben o balón e con momentos brillantes na lectura de xogo: con paciencia en estático e correndo ao contraataque nos momentos oportunos.

Noraboa a todos polo traballo. Agora, a pola seguinte xornada!

CADETE MASCULINO

C.B.NIGRÁN 45 – 68 C.B.CASELAS

Bo papel dos xogadores dirixidos por Luismi no penúltimo partido da tempada para o equipo. A fin de semana que ven rematamos a copa en casa perante o C.B.Tui. A dalo todo na derradeira xornada!

MINI MASCULINO

C.B.TUI 58 – 37 C.B.CASELAS

Bo partido do noso mini masculino na segunda xornada da derradeira fase do GRUPO 1. Os nosos o deron todo ante un gran equipo e competiron ben durante todo o partido. A próxima xornada máis e mellor!!!

MINI FEMININO

C.B.CASELAS 7 – 57 C.B.REDONDELA

Penúltimo partido oficial da tempada 2022-23 para as rapazas do mini que continúan a mellorar individualmente e como equipo neste tramo final!

ESGÓTANSE AS PRAZAS PARA O II CAMPUS DE VERÁN DO C.B.CASELAS!!!

Non te despistes, quedan as derradeiras prazas dispoñibles para desfrutar de catro días (e unha noite) de baloncesto, actividades lúdico-formativas e moita convivencia…non o deixedes pasar!

Hoxe mércores 10 de maio ás 23:59h remata o prazo exclusivo para xogador@s do C.B.Caselas!